O goberno do PP favorece los intereses de las farmacéuticas

26 Agosto, 2016 | By jsruetter | Filed in: sanidade.

Os novos fármacos de uso hospitalario, de prezo desmesurado e escasa eficacia en moitos casos, poñen en risco a sustentabilidade do SNS.

Enviado por: Manuel Martín. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública

O Ministerio de Facenda en funcións decidiu este mes de agosto o peche contable da Administración, que impide aprobar novos gastos do sector público, co obxectivo de afrontar a desviación do déficit público e cumprir coas esixencias da Comisión Europea, que esixe novos recortes para reducilo. A Sanidade Pública vai ser un das áreas máis afectadas por esta medida, xa que pretenden aforrar outros 1.000 millóns de euros. Paradoxicamente esta conxelación non afectará ao gasto farmacéutico, a causa máis importante do crecemento do gasto sanitario, dado que o Ministerio anunciou que a medida non impedirá financiar novos medicamentos innovadores nin afectará á política farmacéutica. Con esta decisión o PP mostra unha actuación de complicidade coas empresas farmacéuticas.

O crecemento do gasto farmacéutico pon en cuestión a sustentabilidade financeira do Sistema Nacional de Saúde (SNS). Recortaron o gasto sanitario público nun 11% (máis de 9.000 millóns de euros entre os anos 2008 e 2015) amparándose na necesidade de cumprir coa Lei de Estabilidade Orzamentaria; pero o gasto en medicamentos medrou de maneira desbocada, ata superar a astronómica cifra de 16.000 millóns de euros, o que coloca a España no segundo lugar mundial en consumo de medicamentos per cápita. Aumentou o gasto nas oficinas de farmacia (case un 8% no mes de maio respecto ao ano pasado), pero onde o crecemento é brutal é nos hospitais: un 26% ao longo do 2015. Ademais de elevado o gasto farmacéutico en España é en boa parte irracional, xa que se utilizan pouco os xenéricos (6.5 puntos por baixo da media da Unión Europea), e ademais prescríbense excesivamente fármacos de utilidade dubidosa ou de uso cuestionable. Debemos lembrar que o mal uso de medicamentos non é inocuo: os efectos secundarios dos fármacos considérase como a terceira causa de mortalidade nos países avanzados.

En Galicia a situación é grave e perigosa, cun gasto farmacéutico total de 250 euros por habitante ao ano, moi superior á media estatal de 212, e a terceira máis alta do Estado. Ao mesmo tempo o crecemento do gasto farmacéutico hospitalario (sen incluír os medicamentos da hepatite C) foi espectacular -cunha taxa de variación inter-anual do 26,8 moi superior á de 5,9 do conxunto de CCAA-, a máis alta de todas, probablemente relacionado co incremento do uso de novos medicamentos (non inclúe os fármacos da hepatite C).

As políticas do goberno, supostamente dirixidas a reducir gasto farmacéutico, foron un fracaso. A introdución do copago de medicamentos para os pensionistas (RDL 16/2012) trasladou o gasto ás depauperadas economías familiares -mentres que a Administración só aforrou seis millóns de euros-, e o acordo entre o Ministerio e Farmaindustria (para que o gasto en fármacos non medrase por encima do PIB) foi papel mollado: o gasto creceu case ata o 10% fronte a un 3% de aumento do PIB. A propia Comisión Europea puxo en cuestión as medidas de control do gasto farmacéutico do goberno, xa que non conseguiron as reducións contempladas na Lei de Estabilidade Orzamentaria, especialmente no referente ao control de receitas expedidas en establecementos de farmacia e en hospitais; vulneraron a lexislación comunitaria na contratación pública e nos mecanismos de control da mesma; utilizaron de maneira abusiva o procedemento negociado sen licitación previa para adquisicións de equipamento sanitario (fraccionando os contratos de compras para evitar a súa licitación); e hai pouca transparencia nos procedemento de adquisición de medicamentos.

Quen perdeu con estas políticas de recorte de gasto asistencial e de crecemento do gasto farmacéutico? Os enfermos (un informe do Consello Económico e Social recolle un espectacular incremento nas listas de espera cirúrxica, que pasaron de 372.468 no ano 2009 a 549.424 en 2015: un aumento do 47%); os pensionistas e persoas de rendas baixas (os copagos son unha barreira insalvable e hai datos que revelan que moitas persoas non poden retirar os medicamentos prescritos polos seus médicos); e os traballadores sanitarios (entre 2009 e 2014 reduciron en 3.500 millóns de euros o gasto en persoal -un 11%-, aplicaron unha notable redución salarial -un 13%-, e recortaron uns 12.000 postos de traballo no SNS, aínda que os sindicatos fan estimacións máis elevadas).

A pesar diso a industria farmacéutica parece ter carta branca e pretende sacar ao mercado novos medicamentos cada vez máis custosos, imposibles de financiar cos actuais prepuestos sanitarios. Os laboratorios pretenden comercializar 220 novos medicamentos para tratar o cancro (actualmente supoñen xa o 12,3% do gasto hospitalario, sen que incrementasen significativamente a supervivencia dos pacientes) ou fármacos biolóxicos (modifican as bacterias para fabricar proteínas para tratar tumores ou artrites) que supoñen xa o 40-50% do gasto en farmacia hospitalaria (entre 1.800 e 2.250 millóns de euros, cando hai apenas 10 anos o seu gasto era nulo). As multinacionais farmacéuticas anunciaron recentemente que están a investigar 586 novos fármacos (en Fases II, III e de aprobación) e que teñen xa 136 en fase de desenvolvemento previo á súa comercialización. Esta avalancha de fármacos (moitos deles de eficacia non comprobada e desde logo cuns prezos exorbitantes, sen relación cos gastos de investigación e fabricación) pode poñer en risco a sustentabilidade económica do SNS e aumentará as desigualdades de saúde, dado que o acceso a estes novos fármacos quedará limitado á poboación con maior poder adquisitivo, como recoñecen os mesmos laboratorios.

Lonxe de preocuparse pola previsible catástrofe sanitaria á que nos conducen, o goberno en funcións do PP persiste na súa política de conxelar o gasto sanitario pero manter a porta aberta ao financiamento dos novos (e custosos) medicamentos, para satisfacer os intereses das multinacionais farmacéuticas (trufadas de antigos cargos da Administración). En Galicia a situación é ainda máis preocupante, xa que ocupa un dos primeiros lugares en gasto farmacéutico, e o crecemento do gasto en fármacos hospitalarios foi espectacular. A pesar diso os recortes en gasto sanitario perpetrados polo goberno de Núñez Feijoo foron enormes.


Tags:

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *